Thursday 16 de May de 2024

A Xunta destaca o papel das Aulas da Natureza, que recibiron case 13.000 visitantes no último ano, para “reconectar” ás persoas coa riqueza natural


— Belén do Campo salienta que o Goberno galego coordina o espazo de Siradella, na provincia de Pontevedra, e os do Courel e do Veral, na de Lugo

— Salienta que Galicia conta cun Observatorio galego de educación ambiental que asesora e suxire accións educativas e formativas

A Xunta salientou hoxe, co gallo do Día mundial da educación ambiental, o papel das aulas de natureza para “reconectar” á sociedade coa riqueza natural de Galicia.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou esta mañá nas actividades organizadas pola aula da natureza de Siradella (O Grove) para conmemorar esta xornada, onde destacou que o Goberno galego coordina o traballo e funcionamento deste espazo e doutros dous similares na provincia de Lugo: O Courel e O Veral.

Durante a súa visita, salientou que, a pesar das restricións de visitas rexistradas en 2021 por mor da pandemia sanitaria, preto de 13.000 persoas se achegaron para coñecer a función ambiental das aulas da natureza da Xunta e os valores que divulgan.

Ademais, engadiu que estas dependencias acollen charlas, obradoiros e actividades formativas para aumentar o coñecemento e a valoración que os visitantes teñen dos espazos protexidos. E, ao mesmo tempo, son o punto de inicio de moitas rutas e andainas para poder observar de maneira directa a fauna e flora que se localiza nas inmediacións.

No Grove, Belén do Campo felicitou aos traballadores da aula de Siradella por organizar unha “xornada conmemorativa completa e interesante” para nenos e maiores, coa que mellorar a percepción dos valores do seu concello.

Co obradoiro O meu bosque, os participantes constrúen un mural no que poden expresar o seu ideal de bosque e, polo tanto, ponse o foco na conservación de hábitats. Outra das actividades é unha xornada que se centra na concienciación de reducir o consumo de plásticos, e presentar alternativas, para evitar refugallos que se poidan converter en basuraleza. Tamén se organizou unha andaina guiada, para achegarse ata os miradoiros, cos que poñer en valor as paisaxes naturais.

Por último, a directora xeral destacou que Galicia conta cun Observatorio galego de educación ambiental, que é un órgano colexiado que asesora e suxire accións educativas e formativas coa meta potenciar e promover unha cultura respectuosa e comprometida co medio ambiente.